Se houbese un museo dedicado ao cinismo, algunhas das declaracións de Feijóo ocuparían as súas vitrinas principais. Ao cinismo, ou á hipocrisía, ou á desvergoña. No debate con Pedro Sánchez, a súa mención ao incremento dos prezos da alimentación representa unha peza destinada a figurar destacadamente nese imaxinario Museo do Cinismo.
A agricultura europea funciona desde hai décadas baixo o marco da Política Agraria Común; Estado e comunidades autónomas comparten competencias complementarias. A evolución dos prezos agrícolas depende de mercados internacionais particularmente expostos durante estes anos a guerras, custos enerxéticos, secas e outros fenómenos climáticos. Os territorios con maior produción agraria están menos expostos ás flutuacións de prezos dos mercados agrarios.
Pois resulta que unha das rexións con maior perda de produción agraria en Europa é Galicia. Feijóo foi trece anos presidente da Xunta. Durante o seu mandato, a produción agraria de Galicia perdeu decenas de miles de hectáreas de superficie. En cambio, as plantacións de eucalipto medraron sen control; nas últimas décadas, Galicia, antano potencia agraria e paraíso natural, converteuse nun inmenso eucaliptal por obra e graza do PP. Isto supón que Galicia é hoxe absolutamente dependente da produción agraria externa, doutras comunidades autónomas españolas e doutros países, en máis do 90 % dos produtos agrarios de consumo habitual.
Un pregúntase: por que Feijóo e o PP galego se empeñaron en inundar o territorio de eucaliptos nun proceso de devastación natural único en Europa? Por que se sacrificaron deste xeito a paisaxe galega, a biodiversidade e a dispoñibilidade de terra para usos agrarios? A resposta é sinxela: a expansión desa especie exótica e depredadora en Galicia xustifícase para nutrir a empresa pasteira ENCE de materia prima barata.
ENCE, que posúe plantas en Pontevedra e Asturias, ten íntimas conexións co PP. Feijóo, no seu desexo de contentar os grupos de poder que orbitan arredor do seu partido, pregouse aos desexos de ENCE e, malia unha moratoria trampa —xa con Rueda—, a superficie de eucalipto non para de medrar. Mentres tanto, o bosque autóctono desaparece —difícil de atopar xa en tres das catro provincias galegas— e a produción agraria queda reducida a uns cantos proxectos privados e a explotacións de autoconsumo.
A submisión aos grupos de poder co fin de acadar a cúpula do PP foi unha constante na traxectoria de Feijóo, un patrón que replicou en cada área de goberno. Nada máis xurar o cargo, emprendeu un ataque contra a lingua galega seguindo os designios de FAES. Desmantelou o sistema de innovación implantado polo anterior Goberno da Xunta, así como o Banco de Terras que tan bos resultados comezaba a dar. Derrogou os principios de urbanismo e vivenda. E, entre moitos outros bandazos regulatorios contrarios ao interese de Galicia, anulou o plan eólico noutro dos seus radicais ataques de cinismo.
Durante o mandato de Fraga, a Xunta outorgaba megavatios a dedo; sen máis. O Goberno bipartito PSdeG-BNG convocou un concurso público con criterios transparentes para repartir 2.300 megavatios, vinculado a proxectos industriais que prevían arredor de 5.000 millóns de euros de investimento e que se repartiran de maneira equitativa entre empresas, cooperativas e construtoras galegas xunto coas grandes compañías enerxéticas españolas. Feijóo, co apoio categórico do principal medio de comunicación privado, demonizou aquel concurso e converteuno nun dos principais eixes de acoso ao Goberno bipartito.
Todo este asunto resulta grotesco. É cando menos irónico que o PP de Feijóo denunciase o concurso público convocado para substituír o seu propio proceso de asignación arbitraria. É paradoxal que os informes dos propios servizos xurídicos da Xunta defendesen o procedemento que o novo Goberno estaba desacreditando. E resulta ferinte que o Tribunal Superior de Xustiza acabase declarando ilegal a suspensión do reparto acordada polo Goberno de Feijóo e que os tribunais acabasen anulando tamén actuacións do concurso que o seu Executivo convocou para substituír o anterior.
Este conxunto de episodios permite identificar unha constante na traxectoria política de Feijóo: cando o interese xeral entrou en conflito coa súa estratexia persoal de poder, sempre perdeu Galicia. O territorio, a lingua, o tecido produtivo, a enerxía ou o medio rural foron sacrificados ao servizo da imaxe que algún día debía levalo a Madrid. Gobernar consiste en administrar poder para servir unha sociedade. Despois de examinar o seu paso pola Xunta, dedúcese que Feijóo administrou Galicia como unha plataforma desde a que construír a súa propia imaxe.


